fondo web
GAL | ES
logotipo concello de Santiago
Qué?
Cando?
Onde?
Criterios seleccionados
Suprimir todo
Sinfónica de Galicia
Música | ContemporáneaPrograma de Abono
Sinfónica de Galicia
Tomás Marco estrea en Galicia 'Codex Calixtinus'*
Diego García Rodríguez, novo e emprendedor director galego que ten feito da música contemporánea un dos sólidos piares da súa carreira, dirixe á OSG nun variado programa no que Galicia e Polonia comparten protagonismo coa recuperación dunha composición do brigantino Carlos López García-Picos, a primeira interpretación en Galicia dunha nova obra de Tomás Marco inspirada no Códice Calixtino e cadansúa obra dos grandes nomes polacos da composición do século XX, Penderecki e Lutoslawski. * segunda audición, estrea en Galicia, obra encargo da Orquesta Nacional de España
que

Codex Calixtinus

ORQUESTRA SINFÓNICA DE GALICIA

DIEGO GARCÍA RODRÍGUEZ  director

 

Parte 1

 

Tomás Marco (1942)

Codex Calixtinus (Cantus Iacobi) * (2013)

 

Krzysztof Penderecki (1933)

Anaklasis

 

Parte 2

 

Carlos López García-Picos (1922-2009)

Sindy (1979)

 

Witold Lutoslawski (1913-1994)

Sinfonía núm. 4 (1988-92)

 

* segunda audición, estrea en Galicia, obra encargo da Orquesta Nacional de España

 

Tomás Marco compón o seu Codex Calixtinus (Cantus Iacobi) por encarga da Orquesta e Coro Nacional con motivo do 80º aniversario de Rafael Frühbeck de Burgos, a quen está dedicada. Baseada no Dum paterfamilias ou Canto de Ultreia del Codex Calixtinus usa este tema xacobeo como unha modelización da que extrae elementos por diversos procedementos de proporcións numéricas, de autosemellanza etc, para compoñer unha obra moi compacta en tres seccións, sendo a primeira e a última variantes desta. En cada sección tamén hai subseccións contrastantes e recorrentes, aínda que xamais se producen exactamente igual. O tema orixinal produce un ambiente predominantemente modal e fortemente diatónico no que a obra se desprega con abundante sonoridade. Non se trata dunha modernización do canto xacobeo, senón dunha obra de hoxe a partir do seu impulso.

Anaklasis é unha obra de Krzysztof Penderecki encargo da Radio de Baden-Baden, para un conxunto orquestral inusual de 42 cordas, celesta, arpa, piano e seis percusionistas. Estreada no Festival de Donaueschingen en 1960, situou o compositor polaco na vangarda internacional. Anaklasis presenta unha estrutura aberta como ensaio de novos sons e a súa escritura mostra gran variedade de articulacións e técnicas que varían cores e texturas. Estruturada en tres seccións, a primeira de cordas ábrese cun ton extremadamente baixo e agudas picadas continuando cun misterioso trémolo con lentos deslizamentos sostidos ata conformar un campo harmónico crecente. Unha transición leva a segunda sección, de percusión, de complexas microestruturas rítmicas, caracterizadas por acentos retrógados, canons e outras unidades de procedemento. Na última parte, combina cordas e percusión utilizando sons percutivos, trémolos e glissandos con técnicas non convencionais como a caída dun lapis sobre as cordas do piano.

No seu exilio arxentino, Carlos López García-Picos mantivo un compromiso coa comunidade galega que reflicte nas súas obras, a súa actividade nas asociacións de compositores e a dirección dalgúns coros en Bos Aires e París, onde o seu contacto coa vangarda musical determinou a súa obra posterior e, a pesar da súa formación americana, a súa estética é maracadamente europea. Premiada pola Tribuna Nacional de Compositores en 1979, Sindy, nome do can que o acompañaba cando a escribiu, representou a Arxentina internacionalmente e o autor descríbea como 'un día no campo'. Amence co comezo do canto dos paxaros que van crecendo ata que todos cantan con diferentes comportamentos nun bloque aleatorio que se repite dúas veces máis con variantes e ao atardecer van desaparecendo ata os últimos cantos suaves. Só contén unha pequena célula temática que anuncia a trompeta ao comezo da obra e durante esta se despraza alternativamente entre as diferentes familias orquestrais e é exposta polos cellos como recapitulación.

Corenta e cinco anos separan a primeira e a cuarta sinfonías de Witold Lutosawski, obras que reflicten o seu desenvolvemento como un dos grandes compositores individualistas do século XX. Tras o éxito da súa Terceira Sinfonía, a Filharmónica de Los Ángeles pídelle unha cuarta e o compositor responde que non compón baixo prazos nin admite pagamentos anticipados pero que lles mostrará algunhas ideas; Esa-Pekka Salonen, director musical de Los Ángeles sorprendeuse cando, tres anos despois, se encontrou coa sinfonía rematada sen un contrato asinado. A Sinfonía núm. 4 (1992) resultou outro fito na produción do compositor e na historia da sinfonía do século XX. O seu primeiro movemento alterna melodías desenvolvidas lentamente sobre escuros e rápidos acordes, episodios que soan espontáneos. O segundo movemento introduce un novo tema lírico exuberante que é interrompido, complementado e, ás veces, eclipsado por unha música cegadora e máis rápida. Ao final, a música diminúe a unha soa frase nas violas e logo estala de novo nunha repentina e brillante coda que leva á sinfonía ao seu final.

ORQUESTRA SINFÓNICA DE GALICIA

Creada en 1992 polo Concello da Coruña, cidade en cuxo Palacio da Ópera ten a súa sede, é unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España. A OSG, cuxo director titular desde a tempada 2013-14 é Dima Slobodeniouk e Víctor Pablo Pérez o seu director honorario, foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación en 1998. Despois de varias xiras por Europa, en 2007 realizou a súa primeira xira por América do Sur, con concertos en Chile, Arxentina, Brasil e Uruguai, e a finais de 2009 presentouse na histórica sala do Musikverein de Viena. Traballa con solistas como Anne-Sophie Mutter, Maurizio Pollini, Krystian Zimerman, Gil Shaham, Sarah Chang, Grigory Sokolov, Leonidas Kavakos, Arcadi Volodos, Maria João Pires, F. P. Zimmermann, Mischa Maisky, Christian Lindberg etc. Con ela cantaron Alfredo Kraus, Teresa Berganza, Plácido Domingo, María Bayo, Ainhoa Arteta, Juan Diego Flórez, Simon Lestes, Mirella Freni, Ann Murray, Amanda Roocroft, Ildar Abdrazakov, Hildegard Behrens, Eva Marton, Giuseppe Giacomini, Philip Langridge, Carlos Chausson, Raúl Giménez, Isabel Rey, Carlos Álvarez, Ana María Sánchez ou Giuseppe Sabbatini entre outros moitos, e sempre baixo a batuta de mestres como Lorin Maazel, Daniel Harding, Guennadi Rozdestvenski, Maurizio Pollini, James Judd, Jean-Pascal Tortelier, Stanislaw Skrowaczeski, Libor Pesek, Peter Maag, Jesús López Cobos, Osmo Vänskä, Alberto Zedda, Emmanuel Krivine, Yoav Talmi, Raymond Leppard, Gabriel Chmura, Jean-Jacques Kantorow, Josep Pons, John Nelson, Gianandrea Noseda, Ron Goodwin ou Manfred Honeck. Financiada polo Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, foi premiada coa Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes e é Premio Cultura Galega da Música 2010.

DIEGO GARCÍA RODRÍGUEZ   director

Traballa regularmente con orquestras en España, Inglaterra, Polonia e Francia. Os  seus compromisos máis recentes inclúen programas sinfónicos coa Real Filharmonia de Galicia, Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquesta de Extremadura, Orquestra Académica e Coro de Bydgoszcz (Polonia) e da Orquestra Nova da Orquestra Sinfónica de Galicia. Realizará o seu debut no Teatro Real (Madrid) coa produción Hänsel e Gretel de Humperdinck, en xaneiro do 2015. Dirixiu a estrea mundial de It makes no Difference... de Spagnolo no Festival Tête á Tête en Londres e encargouse da dirección musical de Carmen de Bizet na Opera Baltykca en Gdansk (Polonia) e da produción do Centro Dramático Galego A ópera dos tres reás de Weill. É director artístico do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) ensemble co que desenvolve unha intensa actividade a prol da música contemporánea e de colaboración con outras disciplinas artísticas. Na tempada 2010-2011 do Teatro Real de Madrid foi director asistente de Josep Pons en The turn of the screw de Britten e de Paul Daniel en Król Roger de Szymanowski.. En Inglaterra traballou con Diego Masson e dirixiu Madama Butterfly de Puccini e As vodas de Fígaro de Mozart. 

cando e onde
Xoves 9 outubro 2014
21:00  Auditorio de GaliciaAvda. do Burgo das Nacións 981 574 152/ 981 552 290

prezo das entradas
10 euros
puntos de venda
Despacho de billetes do Teatro Principal. Aberto de martes a sábado (+ días de evento) de 18.00 a 21.00h.

Os días que hai evento no Teatro, a venta anticipada remata ás 20.00h e só se venden entradas para o espectáculo dese día.

Teléfono: 981 542 349

Despacho de billetes do Auditorio de Galicia. Aberto só os días de espectáculo a partir das 18.00h.

Teléfono: 981 571 026

entradas.abanca.com

902 434 443
de interese
www.santiagoturismo.com/files/2017/12/compostelaneadecembrowebesp.pdf
www.santiagoturismo.com/files/2017/12/compostelaneadecembrowebesp.pdf http://www.compostecapitalcultural.org
http://www.auditoriodegalicia.org/ www.compostelacapitalcultural.org http://ofv.auditoriodegalicia.org
www.compostelacapitalcultural.org http://e-auditoriodegalicia.net/ www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org
www.compostelacapitalcultural.org/index.html www.compostelacapitalcultural.org/index.html 	http://www.compostelacapitalcultural.com/adjuntos/1504345520.pdf http://www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org