fondo web
GAL | ES
logotipo concello de Santiago
Qué?
Cando?
Onde?
Criterios seleccionados
Suprimir todo
Música | Contemporánea | Mércores 20 xuño
As Bandas Municipais de Música de Santiago e A Coruña celebran os seus aniversarios nas Xornadas de Música Contemporánea

A Banda Municipal de Música de Santiago cumpre este ano o seu 170 aniversario e a da Coruña, o 70. Para celebralo ofrecen un concerto conxunto dentro das Xornadas de Música Contemporánea mañá, xoves 21, ás 20.30 h na sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia. O concerto foi presentado esta mañá pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e os directores de ambas bandas: Casiano Mouriño e Juan José Ocón. O concerto, co que se conmemora tamén o Día Europeo da Música, ofrece un programa contemporáneo dentro do cal destaca a estrea absoluta da obra ‘Aniversarios’, composta especialmente para a ocasión polo estradense Simón Couceiro, músico da Banda de Santiago. O acceso ao concerto é de balde.

Banda Municipal de Música da Coruña

Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela

Juan José Ocón e Casiaño Mouriño, directores

Aniversarios. Concerto conmemorativo dos 170 anos da BMSC e dos 70 anos da BMMC

 

I

Ferrer Ferrán (1966)

The Great Spirit (El Gaudir del Geni)

Sinfonía núm. 3 (2005)

Gaudí  -  Sagrada Familia

 

II

Simón Couceiro (1973)

Aniversarios* (2018)

James Barnes (1949)

Eight Symphony “for Wangen” op. 148 (2015)

Andante -  Scherzo – Romanza - Final

 

* Estrea absoluta

The Great Spirit é unha obra sinfónica en dúas partes que o valenciano Ferrer Ferrán dedicou ao arquitecto Antoni Gaudí inspirada neste e no seu templo, a Sagrada Familia. Ferrán describe varias etapas da vida deste enxeñoso arquitecto e mestre de formas orgánicas redondas: dende os seus humildes comezos ata o seu traballo nesa basílica, que se convertería nunha tarefa para toda a vida. Reflectindo a arquitectura de Gaudí, as liñas musicais son fluídas e orgánicas, a estrutura expansiva, rica en cor e fascinante, ao igual que os edificios do arquitecto catalán. A peza, unha encomenda da Federació Catalana de Societats Musicals co gallo do 25 aniversario da súa creación, está dedicada a Alex Castells.

Os aniversarios das dúas Bandas Municipais inspiran ao estradense Simón Couceiro para compoñer un pasodobre de homenaxe, animado por compañeiros e amigos de ambas as agrupacións. Formalmente está estruturado en dous temas principais e o seu correspondente trío na parte central do pasodobre. Ademais, a trompeta é o instrumento que separa as introducións e que nos permite identificar cunha quasi cadenza a parte solista do instrumento.

O americano James Barnes foi profesor de orquestración, repertorio, arranxos e composición na Universidade de Kansas durante 41 anos, xubilándose en 2015. Tamén foi director musical das numerosas orquestras de vento desa universidade e doutras agrupacións ao longo dos Estados Unidos. As súas pezas encomendadas son requiridas e interpretadas en Europa, Xapón, Taiwán e Australia, ademais de no seu país. Recibiu, en dúas ocasións, o Premio Ostwald da American Band Masters Association pola súa excelente música para orquestra de vento así como outros importantes premios. En marzo de 2015, estrea en Wangen im Allgäu (Alemaña) a súa Oitava Sinfonía, op. 148 ‘Sinfonie für Wangen’ coa Stadtkapelle local, encomendada pola celebración do 1200 aniversario da cidade. Barnes compón cunha ampla variedade de estilos musicais, técnicas e formas. A súa música reflicte a influencia do jazz, o ragtime e de compositores clásicos que van de Bach a Bartok. Tamén, ás veces, escribe cun vocabulario disonante, contemporáneo en contraposición ás partituras relativamente conservadoras. O propio Barnes mesmo di “Todos os grandes compositores ao longo da historia fálanme do mesmo xeito: dende Dufay a Duruflé.”

Banda Municipal de Música de A Coruña

En 1947 e por iniciativa do concelleiro Antonio López Prado creouse a Banda-Orquestra Municipal de A Coruña cuxo primeiro concerto público foi dirixido por Rodrigo A. de Santiago o 26 de xullo de 1948 no Teatro Rosalía Castro. A Banda nacía como unha colectividade completa en si mesma e a Orquestra se compoñía dos vinte cinco arcos máis outros tantos intérpretes de vento e percusión pertencentes á Banda, que desdobraban as súas funcións cando a agrupación sinfónica realizaba os seus concertos. A Banda permaneceu no tempo, adquiriu un notable repertorio e a anzouse como unha das colectividades de maior categoría artística en España dentro do xénero. Tivo ao fronte catro músicos como directores: o primeiro titular, o compositor, tratadista e folclorista Rodrigo A. de Santiago, creou un corpo de executantes de gran nivel artístico e consolidou, en vinte anos, un amplo repertorio. Foi substituído polo compositor Rogelio Groba con quen a Banda ampliou considerablemente o seu repertorio mantendo a mesma liña de categoría artística. En 1991, fíxose cargo da dirección Indalecio Fernández Groba que, na liña dos seus antecesores, innovou no repertorio e contratou instrumentistas de alto nivel. No ano 2005, tras a xubilación de Fernández Groba, o Concello contrata ao holandés Marcel van Bree. O repertorio da Banda vai dende os compositores clásicos ata a música cinematográfica, jazz...  Dentro do ámbito sinfónico, ten en repertorio excelentes transcricións de obras tan signficativas como as oito primeiras sinfonías de Beethoven, Carmina Burana de C. Orf O paxaro de lume de Stravinski, Pedro e o lobo de Prokofiev, a Incompleta de Schubert, a Fantástica de Berlioz, a do Nuevo Mundo de Dvorak, Peer Gynt e Danzas Noruegas de Grieg ademáis doutras de Franck, Brahms, Mendelssohn, Rimski-Korsakov, Chaikovski, Moussorgski, Liszt, Smetana, Sibelius, Ravel, Albéniz, etc. Así mesmo da a coñecer o actual repertorio sinfónico escrito para banda, de autores como de Meij, Reed, Groba, H. Karel, Sparke, Waignein, Amando Blanquer... Dende 2017 o seu director titular é Juan José Ocón.

Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela

Nace en 1848 como centro de formación de instrumentistas, a ela acudiron durante moitos anos os nenos acollidos na Casa Hospicio. Foi agrupación de afeccionados ata 1876 cando o Concello decide facerse cargo dela e comeza a profesionalizarse redactándose un regulamento para o seu funcionamento. Actualmente realiza os seus concertos no Teatro Principal e na Rúa do Vilar, praza da Quintana, Alameda e outros lugares da cidade na temporada de verán. Ten o seu local de ensaios e arquivo no Auditorio de Galicia e dentro do seu traballo cotián segue enriquecendo ás súas interpretacións que van do pasodobre ao repertorio sinfónico, pasando pola música tradicional e numerosas transcricións de obras clásicas de compositores de toda as épocas e obras especí cas para banda de compositores actuais, en especial de compositores galegos. Centra a súa actividade na programación da temporada cos ciclos de outono, inverno, primavera e verán, concertos sinfónicos no Teatro Principal e Auditorio de Galicia, con numerosos directores e solistas invitados ademais de realizar colaboracións co CMUS de Santiago, Escolanía e Coro Cardenal Quiroga da Catedral de Santiago, Cantorum Compostellana Coniuntio, Treixadura, Cantigas e Agarimos, Brincadeira, Tequexetéldere, entre outros; concertos didácticos para os centros escolares, interpretando un variado repertorio con artistas como Paula Carballeira, Celso Fernández,  Píscore ou Viravolta Títeres, por citar algún. Participa nos actos do Concello como a Ofrenda ao Apóstolo Santiago, entrega de medallas da Xunta de Galicia, procesións de Semana Santa, Feira do Libro ou Festas da Ascensión. Na temporada de verán, participa cunha programación especial en xullo, un ciclo de concertos polos barrios da cidade na celebración das súas festas, e os xoves pola tarde, os concertos na Praza das Praterías, onde deleita coas súas actuacións aos composteláns e visitantes de todas partes do mundo que chegan á cidade nesas datas.

Juan José Ocón, director

Músico e director de orquestra, nace en Donostia en 1968. Ten traballado como director invitado na Orquesta Filarmónica de Gran Canaria, Orquesta Filarmónica de Moravia, Orquesta Nacional de Letonia, Orquesta Sinfónica de Euskadi, Orquesta de Les Arts, Orquesta Sinfónica de Las Palmas, Orquesta Sinfónica de Bilbao, Orquesta Sinfónica de Galicia, Orquesta Filharmónica de Bratislava, Orquestra da Radio de Bratislava, Banda Municipal da Coruña, Banda Municipal de Bilbao, Orfeón Donostiarra e moitas outras agrupacións. En setembro de 2000 foi nomeado Director Artístico Titular da EGO (Joven Orquesta de Euskal Herria-Euskal Herriko Gazte Orkestra). Actualmente é director Artístico Titular da Banda Municipal da Coruña. No presente ano gravou unha ópera co selo de Deutsche Grammophon. Posúe a medalla ao mérito cidadán da súa cidade. 

Casiano Mouriño Maquieira, director

Estuda nos Conservatorios Superiores de Música de Vigo, Santiago de Compostela e Joaquín Rodrigo de Valencia cos mestres Galduf Verdeguer, Verea Montero e García Abril. Gaña por oposición a prazas de profesor de Saxofón-barítono da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e de segundo director da mesma, sendo director de xaneiro de 2007 a outubro do 2009. Asiste a cursos de dirección, composición, banda e coro con mestres como H. Rilling, García Asensio, M. Lindberg, J. Pennnigs, J. M. Londeix, A. Gomis, J. Ross, A. Ferrero, Pascual-Vilaplana, H. Adams, Susi López, J. Mª Esteban, Pier P. Scattolin, Injoo Joo, Ana María Navarrete, Johan de Meij, etc...  Deu cursos na E. M. de Música Padrón, Negreira, Paradela-Meis, Bandeira e nos Conservatorios de Compostela e Vilagarcía. É autor de Divertimento para orquestra, Vertula, Alfaia, San Lourenzo de Nogueira, Inquedanzas, Metamorfosium (estreada pola EAEM baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave), Saxofonía e Anamnese (para a curtametraxe de Leticia Prieto). Dirixíu a RFG no concerto co gallo do 170 aniversario da Banda de Santiago de Compostela, no primeira actuación conxunta de ambas e a solistas como Alexander Gold, Laura Alonso, Carmen Subrido, Gabriel Alonso, Miguel Borrallo, Idoris Duarte, Rosa Cedrón, Marina Penas, Eliseu Mera, Uxía Senlle, Emilio Rúa, Treixadura, Cantigas e Agarimos, Tequexetéldere, Brincadeira, Coral Polifónica Xuntanza de Meis, Coral Polifónica de Barro, Coro Santa María de Paradela, Cantorum Compostellana Coniunctio, Escolanía e Coro Cardenal Quiroga da Catedral de Santiago realizando diversas obras do repertorio sinfónico-coral como O Mesías de Haendel, Carmina Burana de Orf, varias bandas galegas, e a Banda de Música da Vertula coa que acada varios primeiros premios en distintos certames. Ten estreado obras propias e doutros compositores como Juan Lois, Simón Couceiro, Javier Ces, Amador Santos, entre outros. Na actualidade, é Director da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela.  

http://www.santiagoturismo.com/files/2018/07/COMXULAGOwebesp.pdf
http://www.santiagoturismo.com/files/2018/07/COMXULAGOwebesp.pdf http://ofv.auditoriodegalicia.org
http://www.auditoriodegalicia.org/ www.compostelacapitalcultural.org http://www.contratosdegalicia.gal/consultaOrganismo.jsp?lang=gl&ID=800&N=331&OR=331&SORT=2&ORDER=2
www.compostelacapitalcultural.org http://e-auditoriodegalicia.net/ www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org
www.compostelacapitalcultural.org/index.html www.compostelacapitalcultural.org/index.html http://www.compostecapitalcultural.org http://www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org