fondo web
GAL | ES
logotipo concello de Santiago
Qué?
Cando?
Onde?
Criterios seleccionados
Suprimir todo
Música | Clásica | Xoves 21 xuño
Peregrinos Musicais aumenta o número de programacións a sete concertos nos que van participar once novos mozos de gran talento da música clásica

Santiago vai volver vestir a súas mellores galas nos escenarios históricos e monumentais que se reparten pola capital de Galicia para acoller, por oitavo ano consecutivo, o Festival Peregrinos Musicais. Ao Teatro Principal, a Catedral de Santiago e o Auditorio de Galicia engádense este ano o Salón Teatro, o Paraninfo da USC e o Auditorio de Sanxenxo. Tamén vai contar como é habitual coa colaboración da Real Filharmonía de Galicia, que dirixe Maximino Zumalave, que ofrecerá un gran concerto de clausura o mércores 4 de xullo como remate da VIII edición do festival. Únese ao grupo de colaboradores de Peregrinos Musicais a Sociedade Filharmónica Rías Baixas, o que vai dar pé á organización dun concerto especial na localidade de Sanxenxo.

Así, a música clásica volverá soar con forza, entusiasmo e co seu máximo esplendor, grazas a once novos músicos que se incorporan a este proxecto. Tamén fomarán parte da VIII edición outros invitados estelares, que van participar xunto con músicos noveis nos concertos  Mestres e Laureados, unha clase maxistral e outros concertos de nova creación.  

Nesta ocasión, o festival aumenta o número de concertos respecto a edicións anteriores e vai contar con sete programacións que se desenvolverán entre o 28 de xuño e o 4 de xullo. Os concertos estenderanse ao longo dunha semana en diferentes salas e escenarios. Esta oitava edición aumenta, xa que logo, a súa presenza e a súa oferta de concertos respecto ás edicións anteriores. escenarios.

Tras un primeiro semestre cargado de preparativos, e un custoso esforzo persoal pola parte dos seus impulsores, o programa musical espera recibir unha boa resposta do público. Ademais, este foi un dos anos en que conseguir a participación no festival foi moito máis complicado que ningún outro. O motivo foi o número de aspirantes que se presentaron ao exame no mes de abril para poder lograr un lugar entre o elenco de admitidos. O xurado tivo un complicado labor de selección para formar un novo grupo de músicos.

Aínda que a convocatoria de abril, que serviu para superar a proba de selección, foi a máis dura de todas as celebradas, foi á vez unha das máis satisfactorias, xa que os profesores constataron que en Galicia hai unha gran canteira para os próximos anos. Ademais, o talento é un valor que o festival quere promover e facer visible ante o gran público.

O programa de actuacións desenvolverase principalmente en Santiago de Compostela, co seguinte programa.

O 28 de xuño levantarase o telón do Teatro Principal para o seu concerto inaugural. A posta en escena servirá para facer a presentación dos solistas seleccionados para esta edición.

O festival continuará no Salón Teatro, o 29 de xuño. A cita acolle unha das programacións clásicas do festival baixo o título Mestres e Laureados, onde artistas consagrados como Ilona Timchenko, Jean Johnson ou Ilona Sie Dhian Ho van subir ao escenario para compartir actuación con  xoves músicos que xa foron peregrinos musicais noutras edicións e que agora regresan ó festival tras recibir unha mención honorífica, ou un premio, noutros concursos ou festivais de carácter internacional. Nesta edición programáronse dous concertos destas características.

O primeiro concerto Mestres e Laureados terá como protagonista unha grande estrela do clarinete, como a británica-estadounidense Jean Johnson, rademais de contar coa participación do cuarteto de vento Tetramorph (con Amelia Ónega, Martiño Malleiro, Melissa David e Miguel Costa). 

O 30 de xuño será a quenda dos artistas do violín e o acordeón. Este segundo concerto, que leva o selo persoal do festival Mestres e Laureados, soará no Salón Teatro, onde as estrelas invitadas son a violinista Ilona Sie Dhian Ho e a acordeonista Nerea Rodríguez.

O sábado 30 de xuño abriranse as portas do Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC para ofrecer unha clase maxistral de violín e de clarinete que será impartida polos músicos Ilona Sie Dhian Ho (violín) e Jean Johnson (clarinete).

Sen dúbida, unha das imaxes máis espectaculares do festival producirase o 1 de xullo na Catedral de Santiago. Esta é unha imaxe que se repite todos os anos e é unha das citas máis esperadas de cada edición. A sonoridade deste concerto alcanza sempre unha grandiosidade acorde con este inédito escenario, o máis espectacular da cidade. Este concerto sempre encheu a capacidade dispoñible e é o único totalmente gratuíto para todo o público asistente.

Peregrinos Musicais tamén ampliou a súa presenza fóra da capital de Galicia.  O 2 de xullo trasladará, por un día o centro das actuacións á localidade pontevedresa de Sanxenxo. Para a organización deste concerto cóntase coa colaboración da Sociedade Filharmónica Rías Baixas. 

O 3 de xullo Peregrinos Musicais vai volver a ancender as luces do Teatro Principal de Santiago para enchelo de notas musicais compostas polos grandes xenios da historia universal da música culta da man da clarinetista americana Jean Johnson e a pianista rusa Ilona Timchenko.

O peche da VIII edición de Peregrinos Musicais vai ser, como é habitual, no Auditorio de Galicia o 4 de xullo. Trátase dunha gala obrigada para quen nunca perden o máis mínimo detalle deste festival internacional. Os solistas da oitava edición terán a honra de compartir escenario coa prestixiosa Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección e a batuta do mestre Maximino Zumalave.

O Festival Peregrinos Musicais pretende cumprir todas as expectativas do público e volverá unir once  xoves solistas de todo o mundo, un dos selos de identidade deste proxecto e a razón de ser. Ao longo dos seus oito anos de vida, o festival superou o centenar de participantes. A maioría dos solistas invitados proceden da comunidade autónoma galega. O carácter internacional da convocatoria complétase con músicos dun excelente nivel técnico chegados de Holanda, Rusia, Armenia, Estados Unidos, Alemaña, Xeorxia, Belarús, Canadá e Francia.

Todos os seleccionados teñen un elemento en común: representan, coa interpretación do seu instrumento, o maior nivel de excelencia profesional na música clásica á súa idade. O proxecto pretende que os mozos, ademais de ter as súas primeiras experiencias sobre o escenario, compartan magníficas experiencias musicais. E ademais descóbrelles aos amantes da música clásica as diferentes escolas e estilos musicais que existen.

Ilona Timchenko é a fundadora e directora do Festival Peregrinos Musicais, unha iniciativa que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais, e do Concello de Santiago de Compostela, ademais de diversas colaboracións, como as da Universidade de Santiago de Compostela, Estrella Galicia e Intercentros Melómano.

 

Arquivos adxuntos

http://www.santiagoturismo.com/files/2018/07/COMXULAGOwebesp.pdf
http://www.santiagoturismo.com/files/2018/07/COMXULAGOwebesp.pdf http://ofv.auditoriodegalicia.org
http://www.auditoriodegalicia.org/ www.compostelacapitalcultural.org http://www.contratosdegalicia.gal/consultaOrganismo.jsp?lang=gl&ID=800&N=331&OR=331&SORT=2&ORDER=2
www.compostelacapitalcultural.org http://e-auditoriodegalicia.net/ www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org
www.compostelacapitalcultural.org/index.html www.compostelacapitalcultural.org/index.html http://www.compostecapitalcultural.org http://www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org www.compostelacapitalcultural.org